Proxecto Mar de Lourizán

O proxecto “Programa de actividades previas para determinar a viabilidade da reactivación turística -Mar de Lourizán” no que se enmarca o desenvolvemento desta web foi un proxecto desenvolvido pola Confraría de Pescadores de Lourizán entre os meses de setembro e novembro de 2017 para valorar e dimensionar o potencial de desenvolvemento de actividades turísticas mariñeiras vinculadas coa actividade de marisqueo dos seus membros.
Este proxecto, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e a Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra, contou cun orzamento de 20.079,00 € permitindo á Confraría dispor dos recursos económicos e técnicos necesarios para a súa definición e dimensión.
Este investimento posibilitou que a Confraría de Lourizán desenvolvese as seguintes actividades preliminares para acometer a idea de negocio de turismo mariñeiro “Mar de Lourizán”:

Formación

Aproveitouse o proxecto para sentar as bases en materia de coñecementos e habilidades en competencias vinculadas co labor do turismo mariñeiro, participando en cada un dos cursos programados ao redor de 20 persoas.

A formación centrouse nos seguintes temas:

  • Habilidades sociais básicas para o sector pesqueiro e marisqueiro
  • Prevención de riscos laborais para o sector pesqueiro e marisqueiro
  • Inglés básico para o sector pesqueiro e marisqueiro
  • Interpretación do litoral e do patrimonio marítimo pesqueiro

Estudo da potencial posta en valor do edificio

Nesta parte do proxecto Mar de Lourizán a actividade centrouse na análise do estado actual do edificio onde se atopa a Confraría de Pescadores de Lourizán, deseñando tamén a proposta de distribución sobre plano para a súa adaptación ás necesidades propias do proxecto produtivo a pór en marcha no ámbito do turismo mariñeiro.

Dentro deste estudo tamén se acometeu a proposta de deseño da alternativa de distribución que se axusta mellor para poder abordar esa actividade de turismo mariñeiro, elaborando finalmente un conxunto de planos para a súa posterior execución.

Portal web

Ademais, dentro do proxecto incluíuse tamén a elaboración deste portal web, non só para dar a coñecer a confraría entre as persoas usuarias de Internet, se non tamén (e sobre todo) para abrir unha canle de comunicación e de interacción entre as persoas interesadas en visitala, podendo coñecer de primeira man a información necesaria para iso.

Estudo de viabilidade económica e organizativa

Por último, o proxecto pechouse realizando un estudo que permitise achegar á Confraría de Lourizán as principais cifras económicas e demais números de referencia que lle axudase a determinar a viabilidade económica ou non do proxecto que se estaba definindo dentro da mesma.

Este apartado centrouse en avaliar e definir os custos de investimento e de estrutura fronte ás estimacións de ingresos potenciais, para poder determinar o seu grao de viabilidade.

Ademais, completouse cunha proposta de organización e de modelo de negocio, propoñendo tamén as liñas de difusión e comercialización identificadas como de especial interese para o bo desenvolvemento da actividade empresarial “Mar de Lourizán”