A CONFRARÍA DE PESCADORES DE LOURIZÁN RECIBE UNHA EMBARCACIÓN PARA A VIXILANCIA, CONSTRUÍDA CO APOIO DO GALP-6 DA RÍA DE PONTEVEDRA.

O pasado 21 de outubro, coincidindo coa instalación a bordo dunha mesa de clasificación de moluscos que completa o proxecto, foi entregada polo asteleiro Polymade de Portonovo a embarcación MAR DE LOURIZÁN, destinada ao Servizo de control de acceso ao recurso e vixilancia da Confraría de Pescadores de Lourizán.

A dita embarcación permitirá fomentar o crecemento económico no sector pesqueiro, cunha mellora do control sobre o esforzo pesqueiro e unha mellor vixilancia sobre as extraccións non autorizadas, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia, a Policía Autonómica e os Servizos de Control de Acceso ao Recurso das demáis confrarías de pescadores da Ría de Pontevedra. Asemade, se mellorarán as condicións laborais dos gardapescas integrantes do devandito Servizo.

O proxecto, co apoio do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, foi desenvolvido ao longo das anualidades 2020 e 2021 a través dunha axuda da Consellería do Mar co apoio económico da Unión Europea – Fondo Europeo da Pesca (FEMP), de 55.382,30 € repartido a razón de 16.933,81 € na primeira anualidade e de 38.448,49 € na segunda.

As melloras para o Servizo de control de acceso ao recurso e vixilancia, así como para o sector pesqueiro en xeral, faranse patentes de modo inmediato coa nova embarcación dotada de elementos avanzados como sistemas mecánicos de peneirado e clasificación de moluscos, amplitude de espazo para o exercicio seguro dos gardapescas, e modernos equipamentos de seguridade e navegación.

 

 

Publicado en Noticias.