A Confraría de Pescadores de Lourizán veu de acometer a substitución da cuberta do edificio da sede social grazas á axuda económica da Deputación Provincial de Pontevedra desenvolvida ao abeiro da convocatoria para a concesión de subvencións ás confrarías de pescadoras e pescadores, á federación de confrarías e ás agrupacións de mariscadoras da provincia de pontevedra para investimentos durante o exercicio 2022 (BOPO núm 69 do 08/04/2022).
A actuación foi realizada respectando as dimensións e volumes de edificabilidade xa existentes, adaptándose a unha contorna especialmente sensible a nivel patrimonial por mor da súa ubicación, lindante coa igrexa dos Praceres, permite sanear unha estrutura altamente deteriorada instalada no ano 1950 e que conlevaba filtracións que afectaban á área administrativa, sala de xuntas e aseos da sede social da entidade.
Dentro das axudas para 2022 inclúense, asemade, novos sistemas de iluminación led para a sala de xuntas, cabaletes de aceiro inoxidable para facilitar aos armadores de embarcacións da confraría a limpeza de artes e aparellos, unha báscula portátil con conexión informatizada aos sistemas TIC’s do plan conxunto do marisqueo a pé da ría, e un toldo para cubrir o acceso ao posto de control dándolle acubillo ás ringleiras de mariscadoras que deben agardar á intemperie pola súa quenda para a pesaxe e control das súas capturas nos días de marisqueo. Mellórase deste xeito non só as instalacións da confraría, senón tamén as condicións de traballo da totalidade de membros da entidade, tanto os armadores como os mariscadores a pé.
O importe da axuda concedida acada o 80% do investimento e foi de 26.584,06 €.