A Confraría de Pescadores San Andrés de Lourizán vén de recibir os parabéns da Rede Española de Grupos de Pesca (REGP) polo seu proxecto de incorporar unha embarcación de vixilancia para o interior da ría de Pontevedra. Esta iniciativa, xunto á da restauración do galeón Luisa III por parte do Club Mariño A Reiboa, foi recoñecida pola entidade como un proxecto de boas prácticas.
Cóntanos María del Carmen Vázquez Nores, patroa maior da confraría e presidenta do GALP Ría de Pontevedra, que a falta de bautismo oficial, o barco xa ten nome: Mar de Lourizán. Falamos con ela para coñecer en que punto se atopa a construción da embarcación, as razóns polas que decidiron poñer en marcha este proxecto e como recibiron o recoñecemento da REGP.
De que trata o proxecto?
É un barco de vixilancia para a Confraría de Lourizán, que, ademais, estará dotado cunha máquina seleccionadora de molusco de cara aos controis que se fan no marisqueo. A Confraría de Lourizán, a de Raxó e a de Pontevedra desenvolvemos en conxunto o plan de marisqueo a flote co que temos que facer os controis de vixilancia e de control no mar. Con este proxecto a idea é facilitar que o produto pequeno quede xa no mar no momento no que se faga o control dende a embarcación, que non vaia á lonxa,
Xa teñen a embarcación á súa disposición?
Está case feita, xa ten o casco, a cabina, agora falta dotala dos mecanismos e sistemas que ten que levar un barco.
Aínda que o barco pode estar rematado este mes de xuño, despois queda facer todos os trámites administrativos das probas de navegación e o seu rexistro. Preferimos ter un prazo folgado para a xustificación da axuda ante o GALP que pode realizarse como moi tarde ao remate de outubro. E ademais nestes tempos de pandemia sempre é mellor deixar prazo de máis polo que poida pasar.
Teñen data prevista de entrega?
Penso que entre xullo e agosto, ao mellor, xa o temos na auga e despois aínda lle teñen que facer as probas de estabilidade e demais. Para min o importante é que siga o proceso previsto e non se perda ningún momento.
Por que era importante para a Confraría de Lourizán desenvolver este proxecto?
Os barcos de vixilancia sempre son importantes. Unha, porque serven para sementar e, no marisqueo, sempre hai produto que vén de menos porque sempre cae algún. Hai que volver sementar e a mellor forma de facelo é nun barco. E dúas, porque unha embarcación de vixilancia é máis que necesaria para unha confraría de pescadores.
Nunha visita que fixeramos no seu día a Italia co GALP para ver como traballaban a ameixa xapónica no Delta de Goro, para min non tan artesanal coma nós, chamoume moitísimo a atención unha clasificadora que tiñan nun barco, pequerrechiña, isto é o positivo de ir mirar ideas a outro lado, e quíxena meter nesta embarcación. É unha dotación máis que ten, pódese quitar e poñer, e permítenos seguir mantendo o marisqueo, volver sementar. O marisqueo é recoller e, o que non ten a súa talla, ten que volver ao mar de novo para que siga crecendo e, sobre todo, para a sostibilidade do recurso.
Quedeime con esa idea e a ilusión que tiña era que se faciamos un barco lle meteramos unha seleccionadora coma a que vin en Italia. Así, a seleccionadora permite que non se leve mercancía que non dá a talla.
O control faise para as tres confrarías, pero se nun momento dado tamén se necesita prestar, para iso estamos, para colaborar no mellor sistema de produción e do que recollamos no noso mar.
Agora mesmo estades traballando noutros proxectos?
O ano pasado tamén presentamos, conxuntamente as tres confrarías e a Lonxa de Campelo, o proxecto para implantar a plataforma dixital XESMAR -que acadou un premio en Europa- porque queriamos que este sistema de información estivese a disposición dos mariscadores.
Nesta última convocatoria presentamos tamén a través da Lonxa de Campelo dous proxectos. Presentamos un proxecto produtivo para mellorar o sistema de recollida de algas con tractores. Os tractores xa teñen máis de 15 anos e á hora de recoller as algas co cargador que temos non as aperta e, como teñen moitísima auga, teñen que facer moitas viaxes. Entón, fíxose este proxecto para cambiar os cargadores dos tractores e que se aproveite máis esa recollida de algas. Tamén presentamos unha proposta dun sistema para o barco que temos na lonxa as tres confrarías que poida facer todo tipo de labores no mar (ara, limpa, quita algas). No seu momento, cando se comprara, tiña unha gancha mecánica pero fáltalle un sistema de recollida de algas porque o que ten está moi obsoleto. Este prototipo de deseño sería para facer unha recollida de algas máis sostible co medio, que non fixese dano. Se saíra sería moi bo para o barco porque os tractores en zonas de marea baixa entran pero cando hai mareas alta non. Hai zonas de marisqueo ás que entran sen problemas, pero en zonas de fondura, máis afastadas, necesítase o barco.
Volvendo ao proxecto recoñecido como boas prácticas, que foi beneficiario das axudas xestionadas polo GALP Ría de Pontevedra. Como valorades o papel que xogou a entidade para que esta iniciativa puidese saír adiante?
Tendo en conta que é un barco necesario para a confraría polo traballo, primordial, que vai facer valorámolo moi positivamente. Era algo que necesitabamos, a verdade sexa dita.
O problema que teñen este tipo de axudas é que moitas veces bótante para atrás todos os papeis que hai que facer. As confrarías xa están acostumadas a facer memorias, curtidas en pedir proxectos, pero nestes temas adoitan pedir máis cousas e coa axuda do GALP puidemos facelo.
Como recibiron este recoñecemento da Rede Española de Grupos de Pesca?
Consideramos que é algo positivo, a palabra xa o di, é para facer algo bo. Proxectos coma o noso pode servir de exemplo a outras confrarías para aproveitar a axuda dos GALPs para a adquisición de equipamentos que permitan realizar novos sistemas de control e mellora do aproveitamento do recurso marisqueiro. Iso é o que a nós, como confraría, nos interesa e entendo que a Rede Española de Grupos de Pesca tamén.